Nova xornada de protestas no sector do gran comercio téxtil e de calzado. O persoal volveu hoxe á folga en toda Galicia para esixir convenios provinciais e autonómicos fronte á intención da patronal ARTE de impoñer un marco estatal. A mobilización, convocada pola CIG, tivo seguemento nas sete cidades galegas e deixou imaxes de protestas en puntos como o Centro Comercial Vialia de Vigo.
Esta nova xornada de paro coincide cunha reunión da mesa negociadora en Madrid. Segundo fontes sindicais, a patronal —que agrupa a xigantes como Inditex, H&M, Mango ou Primark— insistiu en propostas que cualifican de “regresivas”. O sindicato rexeita o preacordo asinado o pasado marzo entre ARTE e as centrais CCOO e Fetico por considerar que supón un recorte de dereitos.
Unha perda de ata 2.000 euros anuais
O conflito céntrase nas diferenzas entre os convenios provinciais actuais e o que se pretende aplicar desde Madrid. Representantes da CIG sinalan que o convenio estatal prexudicaría a miles de empregadas en Galicia, cunha perda económica que estiman en uns 2.000 euros anuais.
Roberto Pérez, representante na mesa de negociación, explica que os “pequenos retoques” ofrecidos pola patronal non significan melloras en Galicia, xa que son cuestións que xa están recollidas nos textos provinciais. Como exemplo, citan que o descanso de 15 minutos como tempo de traballo só se mantería para o persoal actual, excluíndo as novas incorporacións.
Mobilizacións constantes
O sector mantén unha intensa campaña de mobilizacións que incluíu peches na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e paros en cadeas como Bimba y Lola, Cortefiel ou Kiabi. A reclamación de convenios con especificidades propias para Galicia tamén está a ser obxecto de debate noutros territorios como o País Vasco.
Tras o encontro de hoxe sen avances significativos, o calendario de negociacións continuará a finais de mes. As vindeiras xuntanzas quedaron fixadas para os días 27 e 28 de maio e o 2 de xuño.

