Sábado, Maio 9, 2026
HomeNewsComarcasAbsolto por falta de probas o bombeiro do Val Miñor acusado de...

Absolto por falta de probas o bombeiro do Val Miñor acusado de ameazar e coaccionar aos seus compañeiros

A sentenza sinala que a Mancomunidade non resolveu a tensión entre os traballadores que duraba seis anos e apunta que as testemuñas non corroboraron as condutas violentas do acusado

A xustiza vén de ditar sentenza sobre o conflito laboral no seo do GES do Val Miñor. A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo resolveu a absolución do bombeiro acusado de delitos de coaccións e lesións psíquicas, ao considerar que as acusacións non quedaron suficientemente acreditadas durante o proceso.

A resolución xudicial recoñece que existe unha situación de tensión e desavinzas laborais entre dous grupos de traballadores que se remonta ao ano 2018. Porén, a xuíza sinala que non hai probas de que o acusado realizase condutas violentas de forma continuada para impedir o traballo dos demais ou atentar contra a súa integridade.

Un ambiente laboral “hostil” sen intervención da Mancomunidade

A sentenza é especialmente crítica co papel da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor, responsable do servizo. A maxistrada expón que, aínda que o acusado contribuía ao ambiente “tenso e hostil”, non era o único responsable. Segundo recolle o fallo, a institución “non fixo absolutamente nada” a pesar de que todos os traballadores, incluído o agora absolto, lle reclamaron unha intervención directa.

Tal e como informou a maxistrada, as testemuñas non corroboraron as supostas ameazas ou humillacións máis alá do testemuño dos propios denunciantes.

Posibles delitos leves xa prescritos

Aínda que a xuíza admite que as formas do acusado ao manifestar as súas discrepancias fomentaban a conflitividade, e que puido existir algún insulto ou ameaza puntual, estes feitos constituirían delitos leves. No momento en que se presentou a denuncia, estas posibles infraccións xa estarían prescritas.

Deste xeito, ao non existir unha proba “contundente” dos delitos graves que se lle imputaban, o bombeiro queda libre de todos os cargos.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS