Xoves, Maio 7, 2026
HomeNewsActualidadeGalicia pechou 2025 cun balance de máis de 105.000 doazóns de sangue

Galicia pechou 2025 cun balance de máis de 105.000 doazóns de sangue

A comunidade mantén un índice de participación superior á media estatal e suma máis de 9.000 novos doantes nun ano marcado polo compromiso da mocidade

A solidariedade dos galegos mantén á comunidade na vangarda estatal en doazóns de sangue. Segundo o balance do ano 2025 presentado esta mañá polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora de ADOS, Marisa López, Galicia rexistrou un total de 105.337 doazóns, o que supón unha taxa de 39 por cada 1.000 habitantes.

Esta cifra sitúa o índice galego case tres puntos por enriba da media nacional. O conselleiro destacou especialmente a incorporación de 9.275 novos doantes, un dato que supón o 12,6 % do total e que reflicte o compromiso das xeracións máis novas grazas ao traballo de fomento realizado en centros educativos e universidades.

A Coruña e Pontevedra lideran a participación

Tal e como informou a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, a participación distribuíuse de xeito desigual pola xeografía galega debido a factores como o envellecemento e a dispersión:

  • A Coruña: 49.660 doazóns (taxa de 44/1.000)
  • Pontevedra: 39.194 doazóns (taxa de 41/1.000)
  • Ourense: 8.409 doazóns (taxa de 28/1.000)
  • Lugo: 8.074 doazóns (taxa de 25/1.000)

As sete grandes cidades concentraron o 44 % da actividade. En volume total, Vigo foi a urbe con máis achegas (11.358), pero en canto a taxa de participación, Santiago de Compostela destaca con diferenza ao acadar 85 doazóns por cada 1.000 habitantes.

Concellos máis solidarios

A nivel local, o municipio coruñés de Padrón repite como o máis solidario de Galicia cunha taxa de 92/1.000. No resto de provincias destacan Meira en Lugo (81/1.000), A Pobra de Trives en Ourense (58/1.000) e Salceda de Caselas, que se incorpora como líder en Pontevedra cun índice de 77.

Unidades móbiles e novos procesos

A importancia de achegar a doazón á rúa queda reflectida en que o 86,3 % das colectas realizáronse nas unidades móbiles. O 13,7 % restante recolléronse nos puntos permanentes das cidades, onde tamén se impulsaron procesos específicos como a aférese e o programa de autosuficiencia en plasma, que permitiu obter 635 litros deste compoñente.

O obxectivo de ADOS con este labor é garantir o abastecemento dos hospitais galegos baixo os máximos estándares de calidade, avalados por múltiples certificacións internacionais.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS