Miles de traballadores do sector do metal de toda a provincia de Pontevedra percorren este xoves as rúas de Vigo en dirección á delegación da Xunta de Galicia na cidade co obxectivo de reclamar unha solución ás negociacións do novo convenio colectivo, paralizadas despois de 13 reunións entre as partes.
A manifestación, no primeiro dos tres días de folga convocados polo de agora polos sindicatos, está apoiada por CIG, CC. OO. e UXT. A xornada comezou ás 09:30 horas en Beiramar, onde se ubican os principais estaleiros da cidade.
Xa a primeira hora, agrupáronse centos de traballadores na zona e comezaron as primeiras complicacións no tráfico; debido ao colapso nunha das estradas máis percorridas polos condutores vigueses.
En concreto, os sindicatos convocaron aos case 33.000 traballadores do sector para secundar as xornadas de folga previstas para este xoves e para o mércores e xoves da próxima semana. Do mesmo xeito, aseguran que están previstos outros tres días de paro os días 19, 20 e 21 de maio, coincidindo coa feira do naval Navalia.
O principal motivo da folga son as condicións do novo convenio. Por unha banda, a patronal, integrada por Asime, ATRA e Instalectra, chgou a propor unha subida salarial do 14,5% en catro anos; aínda que logo volveu a unha proposta do 13%, cunha redución de xornada de oito horas en 2028 e medidas adicionais en licenzas, pluses e comisións de traballo.
Pola súa banda, os sindicatos consideran insuficientes estas ofertas e critican que a cláusula de garantía salarial estea vinculada ao IPC cun tope do 2%.
Ao tempo, tamén denuncian a falta de avances en cuestións como a subrogación, a regulación dos fixos descontinuos ou a inclusión de medidas fronte á tensión térmica.

