Xoves, Maio 7, 2026
HomeNewsActualidade“Repunantas” chega a Mos dentro da programación municipal das Letras Galegas

“Repunantas” chega a Mos dentro da programación municipal das Letras Galegas

O Concello de Mos acollerá o vindeiro 16 de maio o espectáculo “Repunantas: as punkis da literatura galega. De María Balteira a Begoña Caamaño”, unha proposta de narración oral e música impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia dentro do programa Falaredes.

A cita terá lugar ás 20:00 horas no Auditorio Multiusos das Pozas e contará coa participación dos escritores Inma López Silva e Francisco Castro, dúas voces recoñecidas da literatura galega actual, que soben ao escenario para “reivindicar o papel das mulleres que mantiveron viva a lingua e a creación literaria galega ao longo da historia”.

O espectáculo, dirixido a público adulto, combina humor, música en directo, interacción co público e unha selección de textos literarios para realizar unha viaxe que parte da figura medieval de María Balteira e chega ata Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Repunantas” propón unha ollada feminista, irreverente e desmitificadora sobre a tradición literaria galega, poñendo o foco nas mulleres que romperon cos papeis impostos e empregaron a lingua galega como ferramenta de creación, rebeldía e transformación social.

A través dun formato dinámico e lúdico, a obra reivindica tanto a forza da lingua galega como o legado das mulleres escritoras do país, convertendo a escena nun espazo de memoria, humor e compromiso cultural.

O evento forma parte da programación organizada polo Concello de Mos con motivo da celebración das Letras Galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia a través do programa de dinamización lingüística Falaredes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS