O Concello do Porriño vén de anunciar a licitación do novo contrato para a prestación de servizos integrais de mantemento, reparación, vixilancia e conserxería. Este contrato ten como finalidade asegurar que os centros educativos e as instalacións deportivas do municipio conten cun funcionamento óptimo e seguro para todos os usuarios.
Así, o contrato sae a licitación dividido en dous bloques: o primeiro para o mantemento integral dos centros educativos, que comprende o CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, Antonio Palacios, da Ribeira, Atios e Da Cruz Budiño. Este primeiro lote ten un orzamento de 150.000 euros anuais, para un servizo que cubrirá o mantemento preventivo e arranxos de fontanaría, electricidade e carpintaría, o coidado de xardíns, patios e zonas comúns durante a xornada escolar, e o servizo de conserxería con apertura, peche, control de accesos e vixilancia das alarmas.
O segundo lote, cun orzamento máximo de 101.000 euros ao ano, está destinado á vixilancia e control de accesos en instalacións como o Pavillón Municipal, os campos de fútbol de Atios, Mosende, Lourambal, Budiño e Pontellas, o Velódromo e o Centro Multiusos de Torneiros, entre outros. Este servizo inclúe a xestión de entradas, aluguer de pistas ou a vixilanza e custodia das instalacións, tamén o control e bo funcionamento de todos os servicios ou recepción e distribución de material.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explica que con esta nova contratación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola mellora e mantemento das infraestruturas públicas, garantindo espazos máis limpos, seguros e mellor atendidos para toda a cidadanía.

