A Biblioteca Pública Municipal María Magdalena acolleu a pasada tarde a presentación da última novela da escritora mosense Noelia Rodríguez, La chica que no tenía corazón, nun acto co que da continuidade á programación polo Día do Libro e que puxo en valor o talento local e a proxección cultural do municipio.
A autora, que compaxina a súa actividade profesional como avogada especializada en Dereito Procesal e Concursal coa escrita, conta xa con oito novelas publicadas, entre elas Involución (2019), Los visionarios (2021), Las rubias también lloran (2022), Rosa desteñido (2023), Nunca es mañana (2024), La chica de las magdalenas (2025), Involución, Madrid 2310 (reedición, 2025) ou Integración, París 2314 (2025)
A súa nova obra, La chica que no tenía corazón, sitúase no ámbito da narrativa romántica contemporánea con compoñente social, abordando cuestións como o bullying, a inmigración ou a identidade persoal, e ampliando o universo narrativo iniciado en publicacións anteriores.
Un dos aspectos máis destacados da novela é a súa vinculación co territorio, xa que parte da historia está ambientada en Cela, incorporando este espazo de Mos ao contexto dunha narración de alcance máis amplo.
Durante o acto, a concelleira Laura Méndez, que estivo acompañada na presentación polo concelleiro Leo Costas, destacou a importancia de apoiar “traxectorias que combinan creación literaria e vinculación co territorio”, subliñando tamén que a presenza de Cela na obra contribúe a “situar o noso municipio dentro de relatos que poden chegar a públicos diversos”.
Noelia Rodríguez mantén ademais unha relación activa coa vida cultural local, participando en iniciativas como o Día das Escritoras e asistindo a actividades literarias desenvolvidas en Mos, entre elas o recente recital de Samuel Merino.
A presentación concluíu cun encontro coa autora e sinatura de exemplares.

