O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil de Ponteareas vén de denunciar a un varón de 67 anos, veciño de Ponteareas, por varias infraccións á normativa de pesca; portar un arte prohibido e pescar sen autorización.
Os feitos aconteceron o pasado 20 de abril, cando os axentes se atopaban realizando un servizo de vixianza e prevención do furtivismo da lamprea no río Tea, no termo municipal de Ponteareas. No seu traxecto, as autoridades observan a unha persoa no interior do río, portando na súas mans unha fisga con varios dentes-arpóns (arte prohibido) e capturando, nese preciso momento, unha lamprea.
A persoa, ao percatarse da presencia dos axentes e ser requerido para inspección, dase á fuga polo medio da melza, facendo caso omiso ás indicacións. Na súa marcha, portaba o arte prohibido nunha man e a lamprea na outra.
Tal e como describen dende a Garda Civil, cando conseguen identificar á persoa fuxitiva, atopan a outro varón situado nun punto estratéxico para “poder avisar da presenza de corpos policiais”.
Con todo, comunícaselles que ditos feitos serán postos en coñecemento da autoridade competente por contravir varias disposicións da orde 11 de novembro de 2025 pola que se regula a pesca da lamprea no río Tea, en concordancia coa lei 2/2021 do 8 de xaneiro de Pesca Continental de Galicia.
A Garda Civil pide colaboración
A Garda Civil recomenda á cidadanía colaborar activamente na protección do medio natural. Así, ante calquera indicio de pesca ilegar como o uso de artes prohibidos, capturas fora de talla ou actividade en zonas restrinxidas, aconsella non intervir directamente e comunicalo de inmediato a través do teléfono 062.

