Venres, Abril 24, 2026
HomeNewsActualidadeDezasete actividades conforman a programación “Tui en letras” deste 2026

Dezasete actividades conforman a programación “Tui en letras” deste 2026

O Concello de Tui vén de presentar, un ano máis, a programación de “Tui en letras”, una iniciativa que se desenvolverá nos meses de maio e xuño.

No programa figuran citas anuais xa tradicionais como o domingo, 17 de maio, Día das Letras Galegas ou a celebración da XXVII Feira do Libro Galego que este ano se celebrará na renovada praza da Inmaculada.

Previamente, a praza de San Fernando acollerá unha nova edición de “Tui le”, coa participación das bibliotecas escolares dos centros educativos tudenses e da Biblioteca Municipal, que se suma ás celebración dos 800 anos da consagración da catedral tudense. A maiores, o evento tamén contará coa actuación de Barafunda co seu espectáculo “Ollo piollo” para todo o alumnado participante.

Tamén cita fixa nesta programación é o acto conmemorativo do aniversario dos Xogos Florais de Galicia celebrados do 24 ao 26 de xuño de 1891 na cidade e que este ano contará co espectáculo “Medula” de Cristal Méndez.

A lembranza á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2026, Begoña Caamaño, será a protagonista do Concerto “A tecedora de soños”, coa voz de Uxía Senlle e a arpa de Bleuen LeFriec, nun concerto a celebrar o vindeiro 21 de maio.

A Biblioteca Municipal acollerá ao longo do mes de maio diversas actividades de animación á lectura coa ilustradora Aida Alonso, Cris de Caldas e Caxoto.

Celebraranse dúas presentacións de libros, “Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais” e “Ultreia”.

Tamén ao abeiro desta programación estrearase a obra de “Tres porquiños” do grupo de teatro amador Xuntanza de Randufe, prevista inicialmente para a semana das festas de San Telmo e que tivo que ser adida. Ao abeiro da programación de “Tui en letras” celebrarase unha actividade de fin de curso cos clubs de lectura tudenses para celebrar o “Ano Oteriano” visitando a Fundación Ramón Otero Pedrayo no Pazo de Trasalba.

Como novidade nesta programación terán lugar as “Xornadas o siñor Afranio”, arredor do relato da fuxida de Antón Alonso Ríos tras a sublevación militar de xullo de 1936. Unhas xornadas que unen literatura, cultura e memoria histórica organizadas coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño – Louriña.

Para Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, “este amplo programa pretende a promoción do libro e a lectura nos diversos ámbitos sociais como unha ferramenta de lecer, de enriquecemento persoal e de cohesión social ao tempo que impulsa a dinamización da lingua galega entre a nosa cidadanía, obxectivo estratéxico nun territorio por baixo da media en número de galegofalantes”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS