Martes, Abril 21, 2026
HomeNewsActualidadePonteareas logra financiación para acondicionar as pistas deportivas das Pombas

Ponteareas logra financiación para acondicionar as pistas deportivas das Pombas

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar recursos por valor de preto de 36.000 euros para que o Concello de Ponteareas acondicione as pistas deportivas das Pombas. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Con estes recursos o Concello de Ponteareas adecuará as pistas multideporte (fútbol sala e baloncesto) que se atopan no parque das Pombas, que non están en condicións axeitadas de conservación. O obxectivo principal da actuación é mellorar as instalacións para incentivar a práctica do deporte en equipo ao aire libre. Deste xeito, en primeiro lugar, desmontarase o módulo multideporte, o pavimento, a rede de peche, retirarase a grava perimetral, as porterías e as canastas e limparase o soporte. A continuación repararase a soleira, marcarase e sinalizarase a pista de baloncesto e fútbol sala, incorporaranse portas de acceso, instalaranse porterías e canastas, revisarase o peche perimetral e colocaranse bancos.

Ponteareas está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) preto de 221.000 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello busca impulsar, ademais desta mellora nas pistas deportivas das Pombas, o proxecto básico e de execución de instalación de céspede no campo de fútbol.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS