A Xunta, ante a petición de AENA de reforzos xenéricos de transporte interurbano, reforzará nas próximas semanas os servizos de autobús entre Santiago de Compostela e o aeroporto da Coruña para facilitar os desprazamentos das persoas usuarias durante o período de obras no aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro, previstas entre este xoves, 23 de abril, e o 27 de maio.
Durante este tempo, boa parte dos voos que operan habitualmente en Santiago trasladaranse ao aeroporto da Coruña e, en menor medida, ao de Vigo. No caso de Alvedro, estímase un incremento de arredor de 140 operacións semanais adicionais, o que supón case duplicar a actividade habitual do aeroporto durante este período. No aeroporto de Vigo, o incremento será máis reducido, cunha media de arredor de cinco operacións adicionais ao día.
Neste contexto, e co obxectivo de dar resposta ao incremento de voos en Alvedro, de luns a venres a oferta amplíase con novos servizos en ambos os sentidos. Desde a estación intermodal de Santiago cara ao aeroporto da Coruña incorpóranse saídas ás 10,05, 14,25, 18,55 e 19,55 horas, que se suman ás xa existentes ás 09,30 e ás 17,00 horas.
No sentido inverso, desde Alvedro cara a Santiago de Compostela, incorpóranse saídas ás 10,15, 12,15, 18,15 e 21,15 horas, ademais das conexións actuais das 05,30 e 13,15 horas.
Nas fins de semana e festivos tamén se reforza a conexión. Os sábados, establécense novas saídas desde o aeroporto da Coruña ás 10,15 e 12,15 horas, que se suman á existente das 12,10 horas. Desde Santiago a Alvedro incorpóranse servizos ás 10,05 e 19,55, ademais do actual ás 13,00 horas.
Os domingos e festivos, incorpórase unha nova saída desde o aeroporto ás 18,15 horas, ademais da existente das 12,10, e desde Santiago ao aeroporto da Coruña amplíase a oferta con servizos ás 10,05 e 19,55 horas, que se engaden á outra saída xa dispoñible ás 13,00 horas.
Esta programación permite cubrir un amplo abano horario ao longo do día e mellorar a conexión coas chegadas e saídas de voos no aeroporto da Coruña, que durante este período incrementa a súa actividade habitual.
Para aquelas persoas que se despracen á Coruña por outros medios ou que partan desde a propia cidade, mantense o servizo de autobús con alta frecuencia.
De luns a venres, o primeiro servizo sae ás 05,00 horas e, a partir das 07,15, a frecuencia é de cada 30 minutos ata as 21,45 horas, cun último servizo ás 22,45 horas. Nas fins de semana, a frecuencia é dunha hora. Este servizo ten saída no Hospital Abente y Lago e realiza paradas na praza de Ourense e na avenida de Alfonso Molina, nas proximidades das estacións de tren e autobús.
Neste itinerario introduciuse recentemente unha modificación, a solicitude do Concello da Coruña, para mellorar a fluidez do percorrido. Deste xeito, os autobuses acceden ao túnel e evitan o paso polos Cantóns, o que supón a supresión dalgunhas paradas no centro urbano co obxectivo de axilizar os tempos de viaxe nun servizo orientado principalmente á conexión co aeroporto.
No aeroporto de Vigo, o incremento será máis reducido, cunha media de arredor de cinco operacións adicionais ao día, polo que a oferta actual de transporte permite dar resposta a esta demanda. Non obstante, farase seguimento da situación. Así, mantéñense os servizos regulares de autobús entre Santiago e a cidade, con 16 saídas diarias desde a capital e 17 desde Vigo de luns a venres. Ademais, é posible enlazar co aeroporto mediante o servizo urbano que conecta co centro da cidade, cunha frecuencia media de 36 minutos.
A Xunta recomenda ás persoas usuarias consultar previamente os horarios e planificar os seus desprazamentos con antelación. Toda a información actualizada sobre os servizos está dispoñible na páxina web oficial do transporte público de Galicia, bus.gal.

