HomeNewsActualidadePonteareas busca proxecto a "custe cero" para o novo espazo gastronómico de...

Ponteareas busca proxecto a “custe cero” para o novo espazo gastronómico de Mercatea

O goberno de Ponteareas aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada o 14 de abril a licitación para a concesión do espazo de restauración do novo mercado municipal “Mercatea”, co obxectivo de “consolidar este equipamento como motor económico, social e comercial da vila”.

A iniciativa permitirá a posta en marcha dun proxecto gastronómico de calidade, integrado no propio mercado e orientado á promoción do produto local e de proximidade, contribuíndo á dinamización do comercio e á atracción de visitantes.

O espazo sitúase na torre anexa á Praza de Abastos, cun acceso independente e distribuído en planta baixa e dúas plantas superiores, cunha superficie aproximada de 65,17 m² por planta, estando destinado exclusivamente a uso de restaurante.

A concesión terá unha duración de 15 anos, prorrogable por 5 máis, e baséase nun principio claro: facilitar a implantación de proxectos sólidos eliminando barreiras de entrada. Así, o Concello establece un canon de 0 euros durante toda a concesión, polo que o adxudicatario non pagará alugueiro, asumindo unicamente os custos derivados da actividade e dos subministros .

A cambio, a persoa concesionaria deberá asumir a adecuación integral do espazo, así como a dotación de instalacións, maquinaria e equipamento necesarios para desenvolver un proxecto gastronómico á altura do potencial de “Mercatea” .

O procedemento de adxudicación priorizará a calidade fronte a calquera outro criterio, cun sistema de valoración que alcanza os 100 puntos:

  • Obras de adecuación e mellora do espazo: ata 35 puntos
  • Mobiliario e equipamento: ata 30 puntos
  • Plan de explotación: ata 35 puntos

Valorarase especialmente a proposta gastronómica, o uso de produtos locais, a integración
co mercado e a capacidade de dinamización mediante actividades que convertan
“Mercatea” nun espazo vivo.

Unha vez publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, as persoas interesadas
disporán dun prazo de 15 días naturais para presentar as súas propostas .
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou polos
medios establecidos, incluíndo a entrega dun sobre pechado coa documentación
administrativa e unha memoria técnica na que se detalle o proxecto de restauración, as
obras a realizar, o equipamento e o plan de explotación.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro Domínguez, destacou que “o novo mercado municipal Mercatea é unha peza clave na transformación de Ponteareas, e con esta licitación damos un paso decisivo para convertelo nun espazo vivo, moderno e atractivo”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS