O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello da Guarda para anunciar a licitación das obras dunha nova senda peonil na estrada PO-352, entre A Guarda e Camposancos, cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros.
Esta actuación ten como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade sostible nun treito no que actualmente non existen espazos adecuados para o tránsito de peóns, o que provoca unha convivencia insegura co tráfico rodado. A nova infraestrutura permitirá crear un itinerario continuo que conectará cos tramos urbanos xa existentes, favorecendo desprazamentos máis seguros e accesibles.
A senda discorrerá pola marxe dereita da estrada ao longo de varios treitos, cun ancho tipo de 2 metros, e contará cunha superficie total de máis de 5.200 metros cadrados. O proxecto inclúe tamén a execución de 11 muros de contención necesarios para adaptar o terreo, así como melloras no sistema de drenaxe mediante a instalación de novos
sumidoiros.
A senda facilitará o acceso ao núcleo urbano da Guarda, ao cemiterio e a unha zona de actividade industrial, converténdose nunha infraestrutura clave para a mobilidade diaria da veciñanza. Ademais, a súa execución terá en conta o valor paisaxístico e cultural da contorna, ao discorrer nun ámbito próximo ao Monte de Santa Trega e á zona costeira.
O prazo de presentación de ofertas remata o 13 de abril e o prazo de execución das obras será de 8 meses e a previsión é que os traballos comecen a principios de verán.

