Mércores, Marzo 18, 2026
HomeNewsActualidadeNova convocatoria de "Depo Van", a liña de axudas ao transporte para...

Nova convocatoria de “Depo Van”, a liña de axudas ao transporte para clubs deportivos de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publicou este mércores a segunda convocatoria do programa Depo Van, a iniciativa provincial destinada a facilitar a mobilidade dos clubs deportivos a través de axudas para a adquisición ou adaptación de vehículos e medios de transporte destinados á actividade deportiva. Así, este venres abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que será de 20 días hábiles.

Coincidindo coa apertura da nova edición desta liña de subvencións, a vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, visitou a parroquia viguesa de Cabral para entregar á AD Carballal, unha das entidades beneficiarias da primeira convocatoria, a furgoneta que vén de incorporar para mellorar a súa loxística e os seus desprazamentos a partidos e adestramentos.

A representante provincial puxo en valor os beneficios deste programa no día a día dos equipos. Neste sentido, subliñou que “contar cun vehículo propio marca unha diferenza clara para clubs como este, que fan un grande esforzo na súa actividade cotiá”. A vicepresidenta destacou tamén que o obxectivo da Deputación de Pontevedra é “responder a necesidades concretas dos clubs con ferramentas útiles e accesibles”.

A segunda convocatoria de Depo Van conta cun orzamento de un millón de euros, un 67% máis que na edición anterior, o cal permitirá ampliar o número de entidades beneficiarias.

O presuposto distribúese do seguinte xeito: 550.000 euros para entidades de calquera disciplina, 350.000 euros para especialidades náuticas e 100.000 euros para entidades con deportistas con discapacidade.

As subvencións poderán acadar ata o 80% do investimento, cun máximo de 25.000 euros para vehículos novos, 15.000 euros para vehículos usados e 5.000 euros para remolques ou adaptacións, incluídas aquelas destinadas ao transporte de persoas con discapacidade.

A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta citerios como o número de licenzas, o nivel de competición, o ámbito xeográfico das probas nas que participan ou a dispoñibilidade previa de vehículos. As entidades que non resultaron beneficiarias na edición anterior poderán presentar ata dúas solicitudes, mentres que as que xa recibiron axuda poderán optar a unha.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS