Mércores, Marzo 18, 2026
HomeNewsActualidadeO novo auditorio do Porriño, un paso máis preto de ser realidade

O novo auditorio do Porriño, un paso máis preto de ser realidade

A obra do futuro auditorio municipal do Porriño foi hoxe escenario da súa primeira visita institucional, na que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes do tecido asociativo local vinculado ao ámbito cultural e diversas academias de música e baile.

O novo auditorio permitirá dotar ao municipio dun espazo moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais. O proxecto contempla unha capacidade aproximada de 340 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano. A actuación supón un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, cun prazo de execución estimado de vinte meses .

Durante a visita, o alcalde puxo en valor a importancia deste proxecto, cualificándoo como “un fito histórico para o Porriño”, ao tratarse do primeiro auditorio destas características no municipio e unha resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

O rexedor tamén destacou o impacto que terá esta infraestrutura na vida cultural local, ao ofrecer un espazo estable para o desenvolvemento de actividades e iniciativas impulsadas polo tecido asociativo.

“Nun prazo breve, en menos dun ano, este auditorio estará a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións e colectivos que atoparán aquí un espazo de encontro, cultura e convivencia”.

Lorenzo quixo ademais recoñecer o traballo técnico e profesional que está a facer posible a execución da obra, subliñando a coordinación entre os equipos implicados para garantir o seu correcto desenvolvemento.

Ademais, sinalouse que a evolución dos traballos será especialmente visible nos próximos meses, cun avance significativo que permitirá comezar a visualizar a configuración definitiva do espazo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS