Os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño continúan a traballar unidos “tras o éxito” das anteriores edicións do programa “Acompañámoste: Conciliación con corazón”. O obxectivo é a optimización dos recursos e garantir a igualdade e a conciliación nas familias dos seus concellos.
Así, as alcaldesas de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; e a de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; así como as respectivas concelleiras de igualdade, Lorena Soto e Selene González; veñen de reunirse en varias ocasións coa finalidade de deseñar e mellorar os seus programas de conciliación e igualdade e traballar de novo na solicitude conxunta á Xunta de Galicia para poder levar a cabo diferentes programas.
Ambas alcaldesas valoraron “moi positivamente” os resultados obtidos o pasado ano, polo que “non dubidaron” en volver a colaborar e realizar unha nova solicitude de subvención mancomunada, “convencidas de que o traballo conxunto ofrece, sen dúbida, un resultado moi favorecedor para as familias dos dous concellos”, aseguran as rexedoras.
En concreto, as entidades traballan por segundo ano consecutivo na realización de campamentos municipais gratuitos que favorecerán especialmente á conciliación laboral durante a époac estival do verán. Así, volverán ofertar campamentos onde os rapaces e rapazas poderán aprender sobre o deporte e a vida activa, o coñecemento da contorna, a ciencia; sempre dende un punto de vista que rache cos roles de xénero, promova a igualdade e o compañeirismo.
A parte formativa virá da man da III edición da “Escola de Familias”. Realizaranse un total de 10 sesións para persoas adultas nas que paralelamente se adaptará a temática das sesións para a infancia, co fin de formar a familias e crianzas ao mesmo tempo que permite a conciliación. Como é costume, cinco sesión serán celebradas en Salvaterra de Miño e cinco en Salceda de Caselas.

