Martes, Marzo 17, 2026
HomeConcellos +A CañizaA Cañiza acollerá I Proba Estatal de SkateCross este mes de marzo

A Cañiza acollerá I Proba Estatal de SkateCross este mes de marzo

O Concello da Cañiza acollerá o I Campionato de España de Team Cross, xunto coa Copa de España e a Liga Nacional de SkateCross, que se disputarán os vindeiros días 28 e 29 de marzo no Skate Park da localidade pontevedresa.

O evento está promovido pola Federación Española e a Federación Galega de Patinaxe e organizada polo club ourensán de patinaxe “Meiga Rodas” coa colaboración do Concello da Cañiza.

O acto de presentación tivo lugar na instalación deportiva urbana da Cañiza e contou coa participación do alcalde da Cañiza, Luis Piña; a presidenta da Federación Galega de Patinaxe e membro da xunta directiva da Federación Española, Mª Jesús Vázquez; e a presidenta do club Meigas Rodas, Malena Gómez.

A cita sitúa a Cañiza como unha das sedes oficiais do calendario estatal 2026 de Inline Freestyle, acollendo o Campionato de España de Team Cross e a segunda proba puntuable da Copa de España e da Liga Nacional de SkateCross, que se desenvolven de forma conxunta ao longo da tempada.

O SkateCross é unha modalidade en auxe que combina carreiras entre varios participantes nun circuíto con obstáculos, curvas e zonas de velocidade. As probas inclúen fases contrarreloxo e eliminatorias ata chegar ás finais, ofrecendo un formato dinámico e moi vistoso para o público.

En concreto, participarán deportistas de diferentes categorías, dende base ata élite. O programa inclúe Skate Cross, que consiste en carreiras eliminatorias; e Team Cross, que son relevos por equipos.

A competición estrutúrase dentro do sistema oficial estatal, no que cada proba outorga puntuación para a clasificación individual da Copa de España e para a clasificación por equipos da Liga Nacional.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS