Martes, Marzo 17, 2026
HomeNewsActualidadeAdxudicado por 388.000 euros a mellora do cruce de Setados

Adxudicado por 388.000 euros a mellora do cruce de Setados

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar, por un importe de 388.361 euros, as obras de reforma do cruzamento de Setados na estrada PO-400, no concello das Neves.

Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones Fechi S.L.U, permitirá actuar na intersección situada no quilométrico 9+980 desta vía autonómica, punto de acceso principal á parroquia de Setados.

O obxectivo desta obra é mellorar as condicións dese cruzamento de Setados, aumentando a visibilidade e reforzando a seguridade viaria nos movementos de tráfico. Esta nova actuación permitirá acometer unha intervención máis ampla, tras terse executado hai uns anos pequenas actuacións destinadas a mellorar a contorna.

En concreto, as obras contratadas consistirán na substitución da intersección actual por unha con carrís centrais de espera (aceleración e deceleración), que permita realizar manobras cun maior grao de seguridade.

O cruzamento actual da PO-400 coa vía municipal que conecta cos núcleos da Laxe e da Igrexa presenta na actualidade problemas de visibilidade, está moi próximo a unha vivenda e hai un cambio de rasante próximo.

Tendo en conta iso, a actuación suporá desprazar a intersección ata o punto quilométrico 10+035, é dicir, uns 55 metros. Iso fai posible ampliar a calzada para dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade dos vehículos que entran e saen da parroquia de Setados.

Ademais desa ampliación da calzada da PO-400 e do desprazamento do cruzamento, a intervención deseñada inclúe o desvío para conectar a vía municipal coa estrada autonómica de forma segura.

A intervención de mellora da intersección inclúe alumeado público, ampliando a rede existente na travesía da PO-400 ata a zona de intersección.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS