A Deputación de Pontevedra está a executar obras de mellora do firme en catro estradas provinciais ao seu paso polo Concello de Covelo cun investimento de 280.000 €.
A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, recorreu un tramo da estrada provincial EP-5105 Maceira-Graña, onde a Deputación está a investir 31.500 € para mellorar a seguridade viaria nun tramo de tres quilómetros. Ademais desta estrada, o organismo provincial está a realizar melloras na EP-5101 Covelo-A Lamosa, na EP-5103 Prado-Moncelos e na EP-5102 A Lamosa-A Franqueira-Achas, ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes, dotado con preto de 4,5 millóns de euros.
Segundo destacou Cachafeiro, mediante estas actuacións garántese o mantemento das características superficiais do firme. “Trátase, tal e como explicou a deputada, de asegurar a capacidade portante e tamén de realizar operacións complementarias de reposición da sinalización horizontal e da drenaxe afectada polas obras”. Deste xeito, mediante estas melloras repóñense pavimentos deslizantes, deformados ou fisurados realizando fresado e reparación da capa de rodaxe.
Belén Cachafeiro lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da Deputación, dotado con preto de 4,5 millóns de euros.
Ao abeiro deste acordo marco, ademais das obras que se están a desenvolver en Covelo, na zona estanse a mellorar estradas provinciais en Salceda de Caselas. Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Arbo, Crecente, Salvaterra de Miño e As Neves.

