Xoves, Marzo 12, 2026
HomeNewsActualidadeA nova escola infantil do Rebullón, en Mos, xa é unha realidade

A nova escola infantil do Rebullón, en Mos, xa é unha realidade

A Xunta de Galicia vén de rematar a primeira dotación do complexo sociosanitario do Rebullón, que está construíndo en Mos. Así, a nova escola infantil xa está lista para comezar o vindeiro curso 2026/2027. Trátase dunha obra financiada case na súa totalidade pola Xunta de Galicia, cun investimento superior aos 730.000 euros.

Para coñecer o estado final das obras, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou o centro xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, así como representantes institucionais e equipo técnico.

A conselleira recordou durante a visita que “hai apenas un ano se colocaba a primeira pedra desta nova escola infantil e que hoxe xa é unha realidade grazas á colaboración entre a Administración autonómica e a local“. O centro ofrecerá desde setembro 41 prazas públicas e gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “a apertura desta escola infantil supón un paso máis no compromiso do Concello de Mos coas familias e co futuro do municipio”. A rexedora explicou que se trata dun centro moderno e funcional, pensado para o benestar das crianzas e para apoiar ás familias desde os primeiros anos de vida.

O prazo de preinscrición orientativa abriuse o pasado 9 de marzo co obxectivo de coñecer a demanda real das familias do municipio. Esta información permitirá planificar mellor o funcionamento do centro e avaliar posibles ampliacións no futuro.

A nova escola infantil sitúase no complexo do antigo hospital do Rebullón, un espazo chamado a converterse nun polo de servizos sanitarios, sociais e educativos para Mos e para toda a comarca. Neste mesmo ámbito está previsto o desenvolvemento dun complexo sociosanitario que incluirá un novo centro de saúde ampliado, un Centro de Coidados Intermedios e unha residencia para persoas maiores.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS