A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, veñen de manter unha nova reunión cos socios da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, encargados de investigar o posible paradoiro de 7 represaliados durante a guerra civil, para tratar de organizar os traballos previos para esta segunda fase da exhumación.
Nesta reunión tamén estiveron presentes o párroco de Soutelo e o arqueólogo que dirixirá as obras. Nesta II Fase de Exhumación da Foxa de Soutelo, en Salceda de Caselas, tratarase de localizar os restos de 5 homes paseados e soterrados no adro da igrexa, que non foron localizados na I Fase de escavacións. Está previsto que esta nova excavación comeze no mes de abril.
Nesa primeira fase, apareceron dous corpos, que lograron ser identificados e cuxo ADN coincide xeneticamente co dos familiares. En concreto, os dous corpos corresponden a Antonio Dalmiro Domínguez González e Manuel Fernández Diz, dous veciños de Tui, asasinados en setembro de 1936 e sepultados no adro da igrexa de Soutelo.
O proxecto, que foi presentado pola Concellaría de Cultura do Concello de Salceda de Caselas a finais de 2025 á Federacion española de Municipios e Provincias (FEMP), dentro do “VI Plan de Recuperación de memoria Democrática 2025-2026”, recibirá a contía de 12.500 euros de axuda para completar a finalización da Exhumación que se iniciara en xuño do ano pasado nun dos laterais do adro da igrexa. Agora terase en conta outros testemuños orais dos veciños da parroquia e a documentación recollida polo historiador X.Ramón Paz Antón.
A alcaldesa de Salceda sinala que este proxecto” “supón un avance coa recuperación da Memoria Histórica e a dignificación das vítimas e o dereito dos seus e das súas parentes a recuperar os seus restos despois de tantos anos, para lles poder dar un enterramento digno”.

