O Concello do Porriño vén de iniciar as obras que permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha actuación estratéxica destinada á transformación e revitalización do centro urbano.
A intervención enmárcase no proxecto denominado “Novo espazo público na contorna da rúa Pío XII”, financiado ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio de colaboración foi formalizado entre ambas administracións.
O investimento global da actuación supera os 2,1 millóns de euros, dos que máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra, mentres que o resto será financiado con fondos municipais.
Esta actuación supón un dos investimentos máis relevantes dos últimos anos no núcleo urbano do municipio e permitirá actuar nun ámbito de máis de 4.000 metros cadrados, transformando antigas zonas de aparcamento e parcelas residuais nun novo espazo verde e de convivencia integrado na rede de espazos públicos do Porriño.
O proxecto contempla a creación de zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como anfiteatro para actividades culturais, áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas a diferentes tramos de idade, unha zona de auga con fontes secas e canles decorativas, así como a plantación de especies autóctonas que combinarán árbores caducifolias e arbustos para xerar sombra e fomentar a biodiversidade. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e iluminación eficiente, reforzando o carácter sostible da actuación.
O novo parque integrará e conectará de maneira fluída as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González, mellorando a accesibilidade mediante itinerarios adaptados que unirán o centro social co novo espazo e promovendo así a inclusión e o uso por persoas de todas as idades e capacidades.

