O Celta de Vigo xa coñece cal será o seu novo camiño na busca dun título europeo. Os de Claudio Giráldez, tras superar onte a súa primeira eliminatoria na Europa League fronte ao PAOK (3-1 no global), deberán medirse no vindeiro mes de marzo a todo un histórico do fútbol francés como o Olympique de Lyon. Dúas citas, unha de ida en Balaídos no día 12 de marzo, e outra de volta no Groupama Stadium polo Día do Pai (19 de marzo) que se oficializaron no sorteo levado a cabo pola UEFA este mesmo mediodía.
Deste xeito, o Celta volve atoparse nuns oitavos de final da Europa League nove anos despois. No seu relembrado camiño europeo da tempada 2016/17 os vigueses visitaron e superaron ao FC Krasnodar con motivo desa mesma rolda. Os adestrados por Claudio Giráldez buscarán replicar o éxito fronte a un Olympique dirixido por Claudio Fonseca e no que destacan nomes coma o do brasileiro Endrick (a préstamo polo Madrid) ou o campión do mundo Corentin Tolisso. A última ocasión na que vigueses e lioneses se enfrontaron foi hai dous anos, con motivo do torneo Memorial Quinocho. Naquel amigable estival os vigueses saíran victoriosos (1-0) cun solitario gol de Carles Pérez.
Así mesmo, o sorteo definiu os cadros e as posibles rutas ata a final do torneo. No caso de superar esta eliminatoria, o Celta deberá enfrontarse en cuartos ao gañador dos oitavos que enfrontan a Racing Genk e Friburgo. Nese mesmo lado do cadro, coma rivais nunha hipotética semifinal, Ferencvaros, Sporting de Braga, Real Betis e Panathinaikos.

