Mércores, Febreiro 25, 2026
HomeActualidadeDeportesOs Teixugos brillan na primeira Copa de España de slálom

Os Teixugos brillan na primeira Copa de España de slálom

O equipo galego obtivo grandes resultados esta fin de semana na canle de augas bravas de Mondariz-Balneario

Esta fin de semana as augas bravas do río Tea acollían a primeira edición da Copa de España de slálom Olímpico. Unha primeira cita que reuniu a ata douscentos padexeiros de diferentes categorías e idades de tódolos puntos do país. Un evento ao que o Club Deportivo Miño-Teixugos levou cinco deportistas e no que acadou resultados máis que destacados.

O nome propio foi o do salcedense Luis Fernández, competidor na categoría C1 sénior, obtendo un bronce na xornada do sábado e un ouro na do descenso do domingo e reafirmándose coma un dos mellores deportistas da súa categoría no panorama nacional. Luis tamén participou na categoría do K1 sénior, pero sen obter os mesmos éxitos ca nas probas xa nomeadas.

Outra participación positiva foi a do tomiñés Manu Ochoa. Colleitou un bronce nas probas do sábado na categoría do K1 sénior e a piques estivo de volver a facelo tras pasar ás finais nunha boa baixada nas probas do domingo, mais un erro na derradeira porta privouno de repetir podio e destinouno a un cuarto posto.

Pola súa banda, Emilio Rodríguez no K1 veterano obtivo dous cuartos postos entre sábado e domingo tras clasificar como terceiro nas clasificatorias de ambas probas. Brais Álvarez, no K1 júnior, acadou un vixésimo cuarto e vixésimo sexto posto. E Alba Soutelo sumou cun sólido papel no C1 sénior, alcanzando un sétimo posto no sábado e un décimo segundo no domingo, ademais dun décimo lugar e un décimo teceiro lugar nas probas do K1 sénior.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS