A morte de María Belén Fernández, veciña de Mos, e o posterior suicidio do seu presunto asasino, Santiago F.Q., de 67 anos, sacudiu este domingo á comarca da Louriña. A muller, de 52 anos, foi atopada sen vida no seu domicilio de Sanguiñeda pola súa irmá, que escoitara berros minutos antes. Presentaba polo menos dúas puñaladas, supostamente propinadas polo home cando acudira a visitala pola mañá.

Segundo fontes da investigación, a parella rompera hai meses, pero mantiña boa relación e mesmo fora vista o día anterior paseando aos cans de María Belén. Non existían denuncias previas por violencia de xénero, aínda que Santiago contaría con antecedentes antigos por delitos relacionados co tráfico de drogas.
Tras fuxir en coche, o home atrincheirouse durante horas nun baixo de O Porriño armado cun coitelo, negándose a falar cos axentes da Guardia Civil e da Policía Local do Porriño, e sen dispoñer de teléfono móbil. O operativo contou coa intervención do Grupo de Reserva y Seguridad (GRS) da Guardia Civil, que entrou no inmoble pouco antes das 22.00 horas.
Santiago foi localizado morto no chan, cunha ferida de arma branca no peito, nun charco de sangue que apuntaba a unha autolesión mortal.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, achegouse a Amieiro Longo para ofrecer apoio á familia e anunciou un minuto de silencio pola tarde diante da casa consistorial. “Mos está de loito; esta dor é da comunidade enteira”, expresou. Recordou tamén a amizade entre María Belén e Teresa de Jesús, vítima de outro crime en 2025.
O Concello decretou tres días de loito oficial e convocou unha concentración cidadá ás 12:00 horas de este luns.

