Venres, Xaneiro 30, 2026
HomeComarcasBaixo MiñoAna Seabra di adeus ao Guardés

Ana Seabra di adeus ao Guardés

A adestradora lusa anunciou en redes sociais que deixará o equipo miñoto ao remate da presente campaña

O Mecalia Atlética Guardés mudará de directora na vindeira temporada. Case un ano despois de anunciar a súa renovación ata 2026, a lusa Ana Seabra confirmaba esta mañá a través de redes socais que non seguirá ao cargo do equipo miñoto tralo vencemento do actual contrato. Unha mensaxe sentida na que expresa o seu agradecemento a xogadoras, traballadores e afección, coas que compartiu viaxe durante dous anos coma adestradora en A Guarda, e outro par deles coma segunda adestradora.

O camiño de Seabra co Guardés comezaba en 2022, coma segunda no corpo técnico das miñotas. Tras varias xeiras de resultados negativas e a marcha de Abel González ou Cristina Cabeza, a portuguesa asume coma interina o posto, mellorando rexistros e gañándose a confianza da directiva. Con Seabra aos mandos o Guardés afianzou a súa posición no balonmán nacional coma un dos equipos máis competitivos da categoría, alcanzando roldas avanzadas na loita por títulos nacionais e quedándose a piques do primeiro título europeo no ano 2023 fronte ao Antalya turco.

Trala noticia desta marcha, segundo informou a CRTVG, a directiva traballa no regreso dun vello coñecido: José Ignacio Prades. En xaneiro deixou o Elda para volver á Guarda para estar coa súa familia, xusto despois de dirixir a selección de Serbia no último Mundial de balonmán feminino. Prades foi o técnico do Guardés entre 2016 e 2022, tempo no que conseguiu gañar unha Liga. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS