A Xunta de Galicia está xa a traballar na elaboración do Plan galego contra o desperdicio alimentario, que incluirá mecanismos para reducir estes residuos tanto nos fogares como nas empresas de hostalería e de distribución.
Durante a súa intervención na clausura do II Foro de Sostibilidade Alimentaria Green Value 4Food, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé en que a sostibilidade é un factor imprescindible en calquera proceso económico, tal e como esixen as lexislacións europea, estatal e galega.
Nese senso, Vázquez puxo en valor o compromiso do sector alimentario galego neste eido apostando por procesos de produción tradicionais e, polo tanto, respectuosos co medio ambiente, e ofrecendo produtos de proximidade ás cadeas de distribución, o que permite reducir os desprazamentos.
Con todo, tal e como incidiu a conselleira, a sostibilidade “é unha cuestión que afecta a toda a cadea: do transporte á xestión dos residuos, pasando por aqueles produtos que non se venden”. Nesa liña, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a preparar unha iniciativa pioneira que busca reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración. En concreto, xa está en licitación a redacción da primeira fase do que será o Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario.
O obxectivo do Plan é ofrecer mecanismos para reducir os residuos alimentarios e para iso abordará a prevención nos procesos produtivos e a racionalización do envasado e impulsará acordos voluntarios de doazón, autodiagnose de perdas e loxística inversa – procedemento para a detección dos excedentes alimentarios antes de que se produzan facendo unha análise cara atrás desde o punto de consumo ata a produción-. A maiores, tamén proporá medidas específicas para a industria, a distribución e a canle Horeca.

