Alertan sobre a posible desaparición doutro estaleiro na Ría de Vigo. En concreto, o sindicato CIG-Industria vén de anunciar que “está a seguir con preocupación o proceso aberto pola Autoridade Portuaria de Vigo para deixar sen efecto a concesión de Astilleros San Enrique dos terreos que ocupaba a antiga Vulcano en Teis, o que suporía a desaparición dunha nova empresa no sector naval”.
Dende a central sindical reclámalle ás Administracións públicas medidas urxentes para potenciar a industria naval e “evitar que a perda doutra compañía lastre a viabilidade do sector”.
Con carga de traballo
Segundo relata o sindicato nacionalista, o Porto de Vigo anunciou a súa intención de levar ao consello de administración deste venres a caducidade da concesión adxudicada en 2022, alegando que non se cumpriron as condicións. “Non se pode permitir a desaparición dunha instalación dedicada á construción e reparación naval nun momento no que o sector atravesa unha importante carga de traballo”, sinalan dende a CIG-Industria.
Para o sindicato, isto comprometería o desenvolvemento futuro e frustraría a recuperación dos niveis de emprego. “É necesario que as Administracións potencien unha industria que chegou a ter máis de 10.000 persoas traballadoras directas na Ría de Vigo; aínda que semella que a tendencia é a contraria”.
En canto ao posible uso dos terreos para ampliar a terminal de carga, o responsable sindical considera que a solución pasa por unha racionalización dos espazos e por rematar coa infrautilización da PLISAN (Salvaterra-As Neves). “Un estaleiro é inviable lonxe do mar, ao contrario que este tipo de plataformas, ás que se lles coñece como portos secos”.

