O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, abordou cos representantes do Clúster da Pizarra a posibilidade de que o Sergas realice os estudos e informes de recoñecemento da silicose como enfermidade profesional, para, deste xeito, evitar que as persoas que residen en Galicia e padecen esta doenza teñan que desprazarse a Asturias para facer os exames.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria, Santiago Camba, visitou as instalacións do Clúster da Pizarra en Carballeda de Valdeorras, e, posteriormente, acudiu ao hospital público do Barco de Valdeorras, onde se reuniu cos profesionais.
O conselleiro dixo que o seu departamento analizará a fondo esta posibilidade e verá os pasos que cómpre dar de cara a formalizar un convenio de colaboración co Instituto Nacional da Seguridade Social, semellante ao que mantén esta entidade co Instituto Nacional da Silicose de Oviedo.
Reforzo e mellora da asistencia
Gómez Caamaño remarcou que a Xunta leva tempo traballando para reforzar e mellorar a asistencia aos pacientes ourensáns da silicose, que representan preto da metade do total de Galicia. Ao respecto, o Executivo galego puxo en marcha o pasado ano, na área sanitaria de Ourense, un comité multidisciplinar de enfermidades intersticiais difusas e unha consulta monográfica para enfermidades pulmonares intersticiais.
Este reforzo supuxo, así mesmo, a creación dunha nova vía clínica no Barco de Valdeorras a través dunha consulta de neumoloxía e un servizo de xestión de casos, con gran capacidade de resolución.
Segundo explicou o conselleiro, trátase dunha enfermeira que centraliza o control e seguimento dos pacientes con silicose e facilita a coordinación co Hospital Universitario de Ourense, promovendo a agrupación das consultas para evitar desprazamentos innecesarios.
Gómez Caamaño puxo en valor que a sanidade galega conta cos medios e a tecnoloxía necesaria para facilitar a detección desta enfermidade en calquera servizo hospitalario de neumoloxía do Sergas. Calquera das tres áreas sanitarias con especial actividade canteira (Ourense, Pontevedra e Vigo), teñen procesos específicos, -remarcou-.
Visita ao hospital
Logo da reunión cos representantes do Clúster da Pizarra, o conselleiro visitou o Hospital do Barco de Valdeorras, para escoitar as impresións dos profesionais, e onde subliñou o extraordinario labor que realizan os hospitais comarcais, que están a padecer en maior medida as dificultades para dotarse de persoal.
A este respecto, o titular de Sanidade destacou os esforzos do seu departamento que conseguiu mellorar a situación. Así, o 85 % dos médicos do hospital de Valdeorras, 62 facultativos, teñen a súa praza en propiedade, grazas ás medidas da Xunta para estabilizar o cadro de persoal.
En concreto, a cobertura de prazas de especialistas incrementouse notablemente, ata preto do 85 % actual, reducindo á metade as prazas vacantes no hospital desde un 30 % ata un 15 %.
Tamén referiu o conselleiro os importantes investimentos da Xunta neste centro na área de cirurxía maior ambulatoria, no hospital de día oncohematolóxico, nas consultas externas e na farmacia hospitalaria.
Engadido ao anterior, adquiriuse novo equipamento por 1,5 millóns de euros, entre o que destaca un novo TAC, un equipo radiocirúrxico e novos ecógrafos para os servizos de urxencias, que se completará con novos ecógrafos e un mamógrafo nos vindeiros meses.
O conselleiro concluíu a súa visita comprometéndose a «seguir a traballar para mellorar a sanidade pública neste centro hospitalario, dende a escoita activa a pacientes e profesionais«.

