jueves, noviembre 27, 2025
InicioNewsComezan as obras da nova residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega...

Comezan as obras da nova residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega nos terreos da ETEA en Vigo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que van comezar de xeito inmediato —a vindeira semana— as obras da futura residencia pública autonómica de maiores que constrúe a Fundación Amancio Ortega en Vigo, que se emprazará nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA).

Tal e como apuntou Rueda, “agora toca axilizar, pisar o acelerador de todo o proceso para que esa nova residencia poida ser unha realidade canto antes”, facendo fincapé en que o Goberno galego vai seguir traballando “para mellorar a atención dos nosos maiores, decidan vivir nos seus domicilios ou nunha residencia” e “moi comprometidos con Vigo”.

Esta é unha das sete residencias que impulsa a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades e que formará parte da rede pública autonómica. Segundo sinalou o presidente autonómico, “é un auténtico orgullo que Galicia poida contar con centros coma este que se vai facer en Vigo e cos outros seis”, apuntando que “son residencias de vangarda coas mellores instalacións, cos mellores servizos, e desde logo van ser un referente na atención aos maiores en toda España”.

A nova infraestrutura situada en Vigo contará con 150 prazas públicas e estará equipada coa tecnoloxía máis avanzada no campo dos coidados. Ademais da zona destinada a uso residencial e a reservada para atención médica, contará con servizos de peiteado, podoloxía, salóns sociais, espazos de convivencia, comedor e cociña, entre outros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS