viernes, noviembre 14, 2025
InicioNewsO PaísMedio Rural mantén a suspensión de feiras, concursos e certames de gando...

Medio Rural mantén a suspensión de feiras, concursos e certames de gando fronte á dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural amplía as medidas de prevención fronte a dermatose nodular contaxiosa (DNC), polo que seguirán suspendidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia, co fin de protexer á cabana gandeira galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se amplían as medidas vixentes desde o pasado 27 de outubro e que se estenderán ata o 30 de novembro, data que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Así mesmo, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Sen casos en Galicia

Aínda que se reforzan estas medidas de prevención e vixilancia, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de «tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas».

Asemade, esta mesma semana desde a Consellería do Medio Rural enviouse unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación reclamando unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro. Tamén se lle pediu que lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade -actualmente considerada A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector.

A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza continuou con sucesivas notificacións de novos focos nesa Comunidade Autónoma, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia. En todo caso, dende o 22 de outubro non se declararon ovos focos da enfermidade en Cataluña e, tal como se informou no último Comité do Sistema de Alerta Sanitaria Veterinaria, a vacinación fronte a enfermidade nas zonas afectadas desta Comunidades está moi avanzada.

A fin de previr a súa entrada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS