O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, da Consellería de Economía e Industria, para a adquisición de 33 parcelas da Plataforma Loxística e Industrial Salvaterra-As Neves (Plisán). O Goberno galego pon un total de 135.933 metros cadrados a disposición do tecido empresarial, que poderá adquirilo en propiedade ou a través da constitución de dereito de superficie. O sistema de adxudicación é o de poxa á alza a favor de quen presente a oferta económica máis vantaxosa.
As empresas interesadas dispoñen de 20 días hábiles, que comezarán a contar mañá e rematarán o vindeiro 12 de decembro, para presentar as súas ofertas por aquelas parcelas seleccionadas, que contan cun prezo que varía entre os 79,6 euros e os 85,6 euros, cunha media de 83,2 euros. En canto ao tamaño, as superficies van desde os 1.786 m2 da mais pequena ata os 8.743 m2, aínda que se poden agrupar parcelas ata acadar unha superficie máxima de 49.681 m2.
As empresas que resulten gañadoras nas poxas dispoñen dun prazo máximo de tres anos, contados desde o momento de formalización da escritura pública de propiedade, para iniciar a actividade na parcela adquirida. Ademais, deben desenvolver a actividade durante un período mínimo de cinco anos contados dende o inicio da mesma e non poderán levar a cabo operacións de venda, división ou segregación nese mesmo prazo de tempo.
No caso das empresas que adquiran un dereito de superficie, deben cumprir as mesmas condicións e aboar mensualmente o canon correspondente, solicitar a autorización dos promotores da Plisán para o caso de que pretendan facer una transmisión a terceiros e permitir cantas inspeccións consideren necesarias.
Toda a documentación e requisitos pódense consultar na páxina web de Xestión do Solo de Galicia (Xestur): www.xesturgalicia.com.
Máis solo empresarial
Mediante este proceso de poxa, as tres entidades promotoras (Xunta de Galicia, Consorcio da Zona Franca de Vigo e Autoridad Portuaria de Vigo) impulsan a comercialización do solo empresarial da Plisán, unha demanda dos empresarios que requiren solo industrial para poder ampliar a súa capacidade ou poder asentar novas industrias.
Na actualidade está urbanizada a totalidade da Área Loxística Empresarial, con 59 parcelas de uso industrial-comercial, que suman unha superficie 411.684 m2, nas que se estableceron xa importantes empresas conserveiras, tecnolóxicas e loxísticas como Conservas Albo, Frinsa, Lonza Biologics ou Grupo Tecnológico Arbinova.
Por outra banda, a Xunta avanza no proxecto para urbanizar a área Multifuncional Industrial (MI) da Plisán, cunha superficie de 1.072.773 metros cadrados e que se destinarán para empresas de transformación, con centros loxísticos propios e relacións sinérxicas co resto da plataforma. Neste senso, o pasado mes de xullo licitou o contrato para redactar o Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), cunha duración de 16 meses. Coa posta en servizo desta área Multifuncional Industrial, a Plisán pasará dos 3.150.094 m2 a alcanzar case 4,2 millóns de metros cadrados.

