O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, UNED, Ricardo Mairal, asinaron hoxe un acordo para ampliar a oferta de prazas para cursar o Máster do Profesorado a través desta entidade en Galicia, o que eleva a preto de un milleiro o número total de prazas dispoñibles na Comunidade xa desde este curso.
Así pois, a raíz desta colaboración, a UNED pon a disposición dos estudantes galegos un total de 250 prazas en liña, o que supón triplicar as 85 existentes ata o de agora. Estas 250 prazas súmanse ás 740 que ofertan as tres universidades públicas galegas. O convenio ten efectos xa neste curso e estará vixente por un período de catro anos.
O conselleiro Román Rodríguez agradeceu a colaboración e a “boa receptividade” da Universidade Nacional de Educación a Distancia “desde o primeiro momento” cando o pasado mes de febreiro o Goberno Galego trasladoulle, nunha reunión en Madrid, esta proposta que agora se fai realidade en beneficio de todos os estudantes que queren acceder a este máster habilitante para impartir docencia. Este acordo interinstitucional permite, por tanto, facilitar o acceso dos estudantes de Galicia aos estudos de máster, xa que na actualidade o número de solicitudes para cursalo é moi superior ás prazas ofertadas.
Segundo as cláusulas establecidas, a UNED asumirá os custos derivados da realización do practicum, como o pago ao profesorado titor por estudante ao seu cargo. Pola súa parte, a Consellería de Educación garante as prazas necesarias para levar a cabo o dito practicum seleccionando o número suficiente de centros públicos receptores do alumnado así como as persoas titoras e coordinadoras das prácticas que sexan necesarias. A este respecto, os centros docentes que desexen participar no programa como centros de desenvolvemento do practicum deberán tramitar a correspondente solicitude a través da resolución que anualmente convoca a Consellería para este fin.

