O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, continuou hoxe cos rexedores da provincia da Coruña a rolda de contactos que iniciou onte en Ourense —e que ampliará nos vindeiros días co resto dos representantes de concellos das provincias de Lugo e Pontevedra— para informar sobre as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico pretende adaptar o texto á actual realidade para “axilizar trámites e garantir unha protección máis eficaz do noso patrimonio cultural”.
Neste senso, o responsable autonómico de Cultura, acompañado polas delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, respectivamente, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, precisou que o obxectivo desta modificación é “desburocratizar o procedemento co obxecto de reducir os tempos de espera por parte da cidadanía e as institucións”.
Ao respecto, López Campos apuntou que Xunta de Galicia «é a única administración autonómica que actualmente informa dos bens de todo o territorio e con independencia de cal sexa o seu grao de protección» Polo tanto, advertiu que esta situación se traduce en que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xestiona cada ano máis de 30.000 expedientes «cun tempo de espera aproximado de entre seis e 12 meses, dependendo da provincia, a tipoloxía ou a afectación do elemento».
“Somos coñecedores de que estes longos tempos de espera son un problema á hora de levar a cabo determinados proxectos”, admitiu o conselleiro. Así, co fin de buscar unha solución, o departamento de López Campos propón suprimir a necesidade de autorización por parte da Administración autonómica en determinadas cuestións que poderán ser resoltas polos propios concellos. “Apostamos por esta modificación atendendo as necesidades dos galegos e galegas, pero coa garantía absoluta de que esta proposta non afecte o rigoroso coidado que lle dedicamos e lle debemos o noso o noso legado”, aseverou.
Os Concellos poderán autorizar obras menores
Neste senso, tal e como precisou, as entidades locais poderán, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións en aqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías. Así mesmo, mediante esta proposta os concellos tamén poderán informar sobre obras no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados (Inglés, Portugués, Fisterra-Muxía, Vía da Prata e Inverno) que non afecten á traza, parcelas lindeiras e elementos funcionais, de todas as que se leven a cabo nos municipios de máis de 50.000 habitantes e das que se pretendan realizar no resto do territorio histórico.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola súa parte, manterá as competencias para autorizar actuacións nos elementos máis singulares ou que precisan a intervención dun persoal técnico con coñecementos máis específicos. É o caso, por exemplo, de obras en Bens de Interese Cultural, nos elementos con protección integral, nos Camiños de Santiago declarados BIC (Francés e Norte) ou no patrimonio artístico, arqueolóxico ou naquel que sexa propiedade da igrexa.
No ámbito forestal, a lexislación tamén prevé cambios ao introducir a figura de declaración responsable para as cortas de arboredo en bens con protección estrutural e ambiental, así como no seu contorno de protección e zona de amortecemento, ou para as que se realicen no territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados a partir dos 3 metros a ambos lados da traza. Neste marco, cómpre aclarar que se elimina a necesidade de permiso para os traballos de silvicultura feitos por medios manuais ou para as tarefas feitas con maquinaria lixeira, sempre e cando se faga despois de balizar

