- Este venres 31 de outubro, a Deputación de Pontevedra pecha ao público durante os meses de inverno as Ruínas de San Domingos. Do martes ao venres desta semana serán os últimos días nos que o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra permaneza aberto ao público este ano, no seu horario de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h
- As Ruínas volverán abrir o 15 de marzo de 2026. Entre o 1 de novembro e o 14 de marzo permanecerán pechadas, se ben poden concertarse visitas para grupos contactando co Museo de Pontevedra. A viabilidade das visitas dependerá das condicións meteorolóxicas e da dispoñibilidade do departamento de Educación do Museo na data solicitada.
- «As Ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra» aseguran dende o organismo provincial. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.

