A Inspección de Traballo vén de levantar acta contra a empresa Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, “por infracción moi grave en materia de relacións laborais ao constatar que a compañía substituíu traballadoras en folga con persoal de nova contratación”, segundo indican desde o sindicato CIG.
A resolución responde á denuncia presentada polo sindicato nacionalista “tras detectar que a empresa estaba incorporando persoal ao servizo malia estar activa unha folga indefinida dende o pasado 26 de setembro”. Segundo as dilixencias practicadas pola autoridade laboral, “Óbolo pretendía xustificar estas contratacións alegando que non eran para cubrir servizos mínimos, senón para cubrir baixas e vacacións”.
Tal e como indica a CIG nun comunicado, “na acta acredítase que, cando menos, a empresa contratou unha traballadora co único obxectivo de substituír e deixar sen efecto o paro indefinido, xa que lle asignou as mesmas persoas usuarias e as franxas de servizo que lle correspondían a unha compañeira en folga”. Esta práctica, apuntan, “está prohibida pola normativa vixente“.
No escrito, a Inspección lembra que, “con anterioridade, xa se levantara dilixencia advertíndolle a Óbolo da obriga de absterse de toda actuación que implicara substitución, directa ou indirecta, de persoas traballadoras en folga, incluíndo a contratación de novo persoal”. Unha advertencia que a empresa “incumpriu e razón pola que se reforza o elemento de culpabilidade e gravidade da conduta infractora”.
Ante esta nova “actuación ilegal da concesionaria do SAF”, a CIG insta o Concello de Ponteareas a “actuar coa máxima dilixencia na defensa dos dereitos das traballadoras e das persoas usuarias e iniciar, por fin, os tramites para a rescisión efectiva do contrato con Óbolo”. Os do sindicato inciden en que “a empresa non só continúa sen resolver as graves irregularidades laborais e na prestación do servizo que motivaron a convocatoria da folga indefinida, senón que cada día suma unha nova ilegalidade”.
Por todo isto, “o Goberno local non pode seguir a eludir as súas responsabilidades e debe actuar xa para garantir que o traballo de atención a domicilio se desenvolve en condicións dignas e que o servizo que se presta coa mellor calidade para as persoas usuarias”.

