O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta tarde no Parlamento que no que vai de 2025, o 97 % das interrupcións voluntarias do embarazo practicadas en Galicia foron realizadas nos centros sanitarios da rede pública.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, o responsable de Sanidade salientou que «Galicia foi o pasado ano a segunda rexión española na que máis interrupcións voluntarias do embarazo se efectuaron no sistema sanitario público, acadando o 77 %, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade».
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que a Xunta «seguirá cumprindo o establecido na Lei estatal para garantir que as mulleres poidan interromper o embarazo nos centros públicos«.
15 mulleres cada día abortan en Galicia
«En Galicia abortan 15 mulleres cada día, e máis de tres cuartas partes fano nos centros públicos”, referiu o conselleiro, lembrando que na comunidade non é preciso acudir á sanidade concertada, aínda que as mulleres que así o desexen tamén poden escoller voluntariamente esta opción. «Nos centros públicos das sete áreas sanitarias pódese interromper voluntariamente o embarazo, de acordo co previsto na lei estatal“, incidiu.
Respecto do rexistro de obxectores de conciencia que promove o Goberno de España, Gómez Caamaño destacou que «desde o momento en que o Ministerio de Sanidade trasladou os criterios e aspectos básicos cos que debía contar, o Servizo Galego de Saúde púxose a traballar no seu establecemento».
“O exercicio do dereito dos profesionais á obxección de conciencia non supuxo ata o de agora un problema no acceso á interrupción voluntaria do embarazo en Galicia”, explicou o titular de Sanidade, reiterando que a «existencia ou non deste rexistro non afectou nin mudou o acceso á interrupción voluntaria do embarazo en toda a sanidade pública de Galicia».
«O obxectivo da Xunta é continuar a garantir que todas as mulleres de Galicia que queiran abortar poidan facelo de maneira libre e onde elas estimen máis oportuno», concluíu Gómez Caamaño.