O festival O Son do Camiño, que se celebrará do 18 ao 20 de xuño do 2026 no Monte do Gozo de Santiago de Compostela, suma outro nome á súa oitava edición. Trátase de Linkin Park, a banda estadounidense de rock alternativo que regresa aos escenarios tras sete anos de parón. É a segunda confirmación despois de que a organización dera a coñecer que a artista Katy Perry tamén se atopa entre os cabeza de cartel.
Segundo anuncian nas redes sociais do Son do Camiño, as entradas sairán á venda o venres 17 de outubro, ás 12.00 horas, a través da web oficial do festival.
O Son do Camiño regresa, un ano máis, para reunir no «recinto máis mítico do país», tal e como indican desde a organización, os mellores grupos e artsitas a nivel nacional e internacional. É un evento que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo e que «mantén intacta a ambición de superar todos os récords previos de asistencia, repercusión e calidade artística«.
Desde a súa primeira edición, no 2018, o festival, que conta coa produción das promotoras Esmerarte Indsutrias Creativas e Bring The Noise, colgou o cartel de «sold out» en todas as súas edicións, atraendo a miles de asistentes de todo o mundo e convertendo a Galicia nunha parada obrigada do circuíto de festivais internacional.