miércoles, octubre 15, 2025
InicioNewsActualidadeO Programa de Emprego do Porriño conclué con 16 mozos formados e...

O Programa de Emprego do Porriño conclué con 16 mozos formados e obras executadas no polígono e na senda do Louro

O Programa de Emprego “O Noso Encontro co Emprego”, promovido polo Concello do Porriño e cofinanciado pola Xunta de Galicia, permitiu a 16 mozos e mozas menores de 30 anos, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mellorar as súas competencias profesionais, a súa empregabilidade e as súas opcións de inserción laboral.

O programa desenvolveuse durante os últimos doce meses e contou cun investimento total de 483.653 euros, dos cales 438.603 euros foron achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A iniciativa incluíu formación nas especialidades de albanelaría de urbanización e carpintería de madeira, cunha carga lectiva que combinou teoría, práctica, formación sempre acorde coas necesidades e demandas reais do tecido empresarial más próximo, e actuacións de interese social

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que este tipo de programas “teñen un dobre impacto moi positivo, por unha banda, forman e capacitan aos nosos mozos e mozas para acceder ao mercado laboral con máis ferramentas, e por outra, repercuten directamente na mellora do noso concello con obras reais e útiles para toda a cidadanía”. Fíxoo durante o acto de entrega de certificados de profesionalidade ao que asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.

Entre as obras realizadas destacan a renovación das beirarrúas na rúa Paralela 3 do Polígono Empresarial da Granxa e a reparación das pasarelas de madeira do paseo do río Louro, actuacións que melloran a mobilidade e os espazos públicos do municipio.

Durante a súa formación, os 16 participantes recibiron tamén formación complementaria en igualdade, prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, sensibilización ambiental, técnicas de busca de emprego e creación de empresas, e puideron obter diversos certificados de profesionalidade recoñecidos oficialmente.

A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, puxo en valor o compromiso do alumnado participante e o traballo realizado “agardamos que este obradoiro sexa un punto de partida cara a unha inserción laboral estable e de calidade”. Neste senso, é a destacar a decisión dalgúns dos participantes de cursar un ciclo de formación profesional de Carpintería para realizar os módulos restantes, xa que poderá convalidar os feitos neste programa e outros xa están en contacto con empresas, algunhas das cales precisarán cubrir postos proximamente. Na modalidade de albanelaría, a maioría amosan interese en traballar en postos relacionados coa formación realizada.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS