O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou “reprogramar unha parte” dos recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexionar (Feder) á reconstrución das zonas afectadas pola vaga de incendios forestais na comunidade e destinar 30 millóns de euros a actuacións nestas comarcas.
Unha medida que se enmarca nunha reprogramación máis ampla dos programas Feder e FSE+ de Galicia do período 2021-2027 para adaptalos ao novo contexto europeo e global, cos obxectivos de reforzar a competitividade económica, reducir as dependencias externas, a promoción da innovación e o avance na descarbonización. A modificación dos programas dos fondos europeos de cohesión foi consensuada coa Comisión Europea e responde ao novo marco establecido polo Regulamento (UE) 2025/1914, que permite reorientar recursos de cohesión cara ás novas prioridades da Unión Europea.
Entre as novidades máis destacadas figura a incorporación do mecanismo Restore (Apoio rexional urxente para a reconstrución), previsto no Regulamento (UE) 2024/3236, que permitirá destinar o 3 % da axuda Feder a actuacións de rehabilitación e recuperación nas zonas afectadas polos incendios forestais deste pasado verán. En concreto, segundo explicou Rueda, vanse destinar 30 millóns de euros á “reconstrución de infraestruturas públicas” e ambientais danadas, á restauración hidrolóxica e ambiental, á “substitución de equipamento danado” (motobombas, vehículo, etc…) e a actuacións para mellorar a prevención e adaptación ao cambio climático, que inclúen, entre outras, bases de uso restrinxido para medios aéreos, instalacións loxísticas e de coordinación de emerxencias. Deste xeito, contribúese a unha recuperación rápida, sustentable e resiliente das áreas afectadas.
Onde?
Nesta liña, o presidente indicou que parte destes fondos se dedicarán a acondicionamento e construción de infraestruturas no aeródromo de Antela, no concello de Sandiás, á construción da base aérea de Setecoros, no concello de Valga, e á construción e acondicionamento de infraestruturas na base aérea de Campiño, en Pontevedra.
No caso do Programa Feder, a proposta de modificación será aprobada pola Comisión Europea nas vindeiras semanas e nela reoriéntanse recursos cara a novas prioridades como o apoio á investigación e innovación en tecnoloxías estratéxicas, o reforzo das capacidades industriais en materia de defensa e uso dual, a promoción da resiliencia hídrica, a xestión sustentable da auga e, fundamentalmente, o impulso ao acceso a unha vivenda accesible e sustentable.
Así mesmo, refórzanse as medidas destinadas á mellora da competitividade e descarbonización do sector do automóbil, como industria estratéxica da economía galega. Estas medidas están plenamente aliñadas coa planificación estratéxica da Xunta de Galicia e intégranse no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, a Iniciativa estratéxica en aeroespazo, seguridade e defensa 2025-2030, a planificación relacionada co ciclo da auga, o Plan director da automoción 2025-2027 e a Estratexia galega de solo residencial, cuxo obxectivo é ampliar a oferta de vivendas e duplicar o parque público residencial nos vindeiros anos.
Anticipos adicionais do 1,5 %
A modificación do programa Feder cara ás novas prioridades implica recibir un anticipo adicional do 1,5 % do total ao superar o 10 % do programa e a ampliación do período de elixibilidade do gasto nun ano ata o 31 de decembro de 2030. Ademais, increméntase en 10 puntos a cofinanciación europea nas novas prioridades, ata o 70 %, e anticípase o 20 % das cantidades asignadas a esas novas prioridades.
Por outro lado, a modificación do Programa FSE+ de Galicia, xa aprobada pola Comisión Europea en xullo, incorpora novas actuacións orientadas ao desenvolvemento de capacidades e cualificacións vinculadas ás tecnoloxías estratéxicas da UE, ademais de incorporar unha nova medida no ámbito da mellora da accesibilidade á vivenda.
Isto supón, que dos case 1.400 millóns de euros que Galicia ten asignados nos programas Feder e FSE+, agora case 118 millóns poderán destinarse agora a outros eidos para facer fronte a novos retos e desafíos.
En definitiva, a nosa comunidade reafirma o seu compromiso co proxecto europeo, aproveitando a flexibilidade do marco financeiro para avanzar cara aos novos desafíos de Galicia e a Unión Europea.