O Concello de Oia organiza unha xornada de portas abertas para que profesionais do sector hostaleiro poidan coñecer de primeira man o proxecto e instalacións do novo mercado de Oia. As persoas interesadas poderán achegarse ao mercado este mércores 17 de setembro ás 17.00 horas.
O Concello apostou pola rehabilitación deste inmoble, situado nun lugar estratéxico, ao carón da estrada xeral entre Baiona e A Guarda, e moi preto do Camiño de Santiago, co obxectivo de dotar ao municipio dunhas instalacións que sirvan de punto de encontro para a veciñanza e poidan compatibilizar diversos usos. Así, contará cun espazo dedicado á comercialización de produto de proximidade, zona de cafetería e un espazo polivalente apto para acoller actividades culturais e de lecer.
A rehabilitación permitiu a recuperación do edificio do antigo mercado, situado no centro do municipio, co obxectivo de poñer en marcha un espazo no que se integre arte, cultura e comercio. A actuación incluíu a restauración dun dos elementos máis singulares
do inmoble, a súa cuberta a oito augas, substituíndo a estrutura orixinal de aceiro por unha de madeira. Tamén se conservaron as aberturas orixinais na fachada e cuberta, a fin de dotar de iluminación natural un edificio no que tamén se logrou mellorar a conexión coa fachada marítima.
En canto aos traballos no seu interior, as principais intervencións centráronse na creación dun espazo central diáfano e unha bancada que permitirá a organización de eventos e a asistencia de público. Pola súa banda, o acceso desde o exterior farase a través dun total de catro portas, unha en cada fachada.