O Concello de Mos, xunto coa Asociación de Hostalaría e Turismo BaresMos, deu onte por inaugurada a ruta de pinchos “A Volta nos Bares”, unha proposta gastronómica e social que se desenvolverá todos os xoves, venres e sábados de setembro en horario de 19:00 a 23:00 horas.
A iniciativa celébrase con motivo da chegada de La Vuelta Ciclista a España a Mos o vindeiro 9 de setembro, enchendo de sabor, creatividade e espírito colectivo os bares e restaurantes do municipio.
En total, 23 establecementos hostaleiros participan nesta edición, ofrecendo pinchos especiais a 1 euro, cada un cun nome vinculado ao mundo do ciclismo.
Os clientes poderán solicitar un “tapaporte”, no que irán acumulando selos por cada pincho consumido en locais diferentes. Ao completar 6 selos en 6 bares distintos, entrarán no sorteo de premios valorados en máis de 1.500 euros, entre eles bonos de restauración, bono de 300 euros para gastar en tramo libre, seis maillots de «La Vuelta» e diferentes bonos deportivos.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “A Volta nos Bares é unha forma orixinal e divertida de celebrar a chegada de La Vuelta España a Mos, poñendo en valor a hostalaría local e creando comunidade arredor da nosa gastronomía”.


