Representantes do Concello de Mondariz Balneario, encabezados polo alcalde César Gil, mantiveron unha reunión de traballo cos técnicos de Patrimonio da da Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o equipo redactor do proxecto de restauración da Fonte de Troncoso liderado por arquitecto César Portela. O encontro desenvolveuse na propia fonte, «co obxectivo de avanzar na recuperación deste emblemático monumento e atopar solucións definitivas fronte ás enchentes que afectan de forma recorrente o seu pavillón», segundo indican desde a administración local.
Nas últimas ocasións, as crecidas do río provocaron danos significativos na estrutura da fonte, arrastrando sólidos de gran tamaño que impactaron directamente na fonte. Para garantir a conservación a longo prazo, Patrimonio fixou como condición a adopción de medidas preventivas eficaces, paso imprescindible para desbloquear o investimento de 500.000 euros destinado á restauración do inmoble protexido.
Deflectores permeables
Como principal acordo da reunión, o equipo redactor do proxecto elaborará unha proposta de deflectores permeables que, co visto bo da Confederación Hidrográfica e dos propios técnicos de patrimonio, funcionen como elemento de protección sen alterar a integración paisaxística da contorna. Ademais, a Confederación e o Concello de Mondariz Balneario comprometeron a conservación prioritaria do leito do río, evitando o acumulo de árbores e outros elementos que poidan poñer en risco a fonte durante episodios de enchentes.
Este encontro pon de manifesto «o compromiso e a colaboración entre as diferentes institucións para preservar un dos bens máis importantes do patrimonio de Mondariz Balneario e do pais galego, asegurando a súa protección e posta en valor», segundo indican desde o Concello.
Podes escoitar a entrevista completa aquí: