O Concello do Porriño porá en marcha nas vindeiras semanas unha serie de cursos de formación en Reanimación Cardiopulmonar (RCP) dirixidos á veciñanza, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta cidadá ante situacións de emerxencia sanitaria.
As sesións serán de balde e estarán impartidas por profesionais do sistema de saúde. Esta iniciativa permitirá que as persoas asistentes adquiran coñecementos básicos en RCP, que poden resultar fundamentais á hora de actuar ante unha parada cardiorrespiratoria, ou outra situación de risco vital, e supor a diferenza entre a vida e a morte.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta a importancia desta acción formativa no marco dun compromiso municipal continuado coa seguridade e a saúde pública: “As propias asociacións culturais, os clubs deportivos e mesmo as instalacións municipais repartidas polas distintas parroquias do noso concello están a ser dotadas de mochilas de reanimación específicas para actuar ante emerxencias».
As datas e localizacións dos cursos comunicaranse próximamente a través dos canais oficiais. A participación está aberta a toda a veciñanza interesada. O Concello está a analizar a demanda por parte de colectivos interesados, así como a dispoñibilidade de espazos e técnicos cualificados para garantir o éxito da actividade.