O alcalde de Vigo, o sicialista Abel Caballero, volveu este mércores a reclamar de forma contundente a creación dunha facultade de Medicina na cidade olívica. “Vigo ten que ter necesariamente unha facultade de Medicina. Temos unha gran universidade, profesionais de altísima cualificación e todo preparado”, afirmou.
Nesta liña, o rexedor insistiu en que “farei todo o posible e o imposible para que Vigo conte cunha Facultade de Medicina”. Estas declaracións chegan despois de que a Universidade da Coruña dera un paso máis para implantar a o grao para o curso 2027-2028. Caballero, nunhas declaracións enviadas aos medios de comunicación, felicitou á UDC, pero reclamou que “a quen corresponda, debe iniciar os trámites xa” para que Vigo tamén imparta esta titulación.
Ademais de defender a capacidade da cidade para acoller o grao, Caballero asegurou que “por moito que a Xunta se opoña Vigo ten que contar coa titulación sanitaria pola altísima cualificación do persoal médico”. Lembrou que os hospitais da cidade poden acoller a docencia práctica. De novo, o rexedor tirou de críticas cara á Xunta de Galicia e preguntouse “Por que non vai haber unha facultade de Medicina en Vigo? Por que a Xunta non quere? Xa sabemos que todo o que teña que ver con Vigo a Xunta non o ve”, censurou.
Na actualidade, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) é a única entidade educativa que imparte o Grao en Medicina en Galicia. Recentemente, iniciárase un grupo de traballo para descentralizar a docencia da titulación e a Universidade da Coruña foi quen deu o primeiro paso para incluila na súa oferta de maneira unilateral.

