miércoles, julio 2, 2025
InicioNewsActualidadeO Son do Pazo celebra a súa décima edición os días 30...

O Son do Pazo celebra a súa décima edición os días 30 e 31 de agosto en Mos con música, baile e festa para toda a familia

O festival O Son do Pazo celebrará o seu décimo aniversario os días 30 e 31 de agosto na contorna do Pazo de Mos, cun cartel que mestura música tradicional galega, espírito intercéltico e actividades para todos os públicos. A cita consolídase como un dos eventos culturais de referencia no calendario estival galego, cun formato gratuíto e de acceso libre.

A programación arrancará o sábado pola tarde con actividades pensadas para a participación do público, como as III Olimpiadas Rurais, o II Concurso de Cuartetos e un pasarrúas a cargo da Treboada Baixomiño. Xa pola noite, os concertos estarán protagonizados por Airiños do Castelo, banda anfitrioa que abrirá a xornada musical; as asturianas Algaire, representantes este ano da conexión intercéltica do festival; a cantautora Sheila Patricia, cunha proposta que combina electrónica e raíz tradicional; o grupo Mediarea, coñecido pola súa enerxía folk-rock e a Mekanika Rolling Band, que ofrecerá un peche festivo para a primeira xornada do Son do Pazo.

O domingo 31 terá lugar unha sesión vermú orientada ao público familiar, con Uxía Lambona e a Banda Molona, que ofrecerán un espectáculo pensado para os máis pequenos; un obradoiro de baile tradicional dirixido polo membro da banda De Ninghures Hadrián García e a actuación final do grupo Zurrumalla, que aposta por unha posta en escena viva da música tradicional galega.

A organización do festival corre a cargo do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, coa implicación activa dos membros da banda de gaitas Airiños do Castelo, alma do evento desde a súa creación. A portavoz da comisión organizadora, Laura Carrera, indicou que “esta é unha edición especial porque o festival cumpre dez anos” e puxo en valor “a presenza de artistas e bandas de referencia da escena folk e tradicional de Galicia”. Destacou tamén o carácter intercéltico do evento, xa que “Asturias será, grazas á presenza de Algaire, a nación celta irmá de Galicia representada no cartel deste ano”.

Carrera tamén quixo agradecer “o apoio das institucións e empresas que colaboran connosco, económica e loxisticamente, xa que sen elas nada disto sería posible” e subliñou tamén o traballo voluntario de toda a xente da banda de gaitas Airiños do Castelo e a directiva do Círculo Cultural, “que cada ano poñen todo da súa parte para sacar adiante un festival tan bonito coma este”.

O festival conta co apoio institucional do Concello de Mos e da Xunta de Galicia. Na rolda de prensa de presentación, celebrada no Auditorio do Pazo de Mos, participaron a alcaldesa Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura Sara Cebreiro e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, xunto ao presidente do Círculo Cultural, Lisardo Conde, e a portavoz da comisión organizadora Laura Carrera.

O deseño do cartel e a liña gráfica da X edición do Son do Pazo foi obra da ilustradora local Alicia García, quen converteu o Pazo de Mos, figuradamente, nun elemento vivo e partícipe do festival.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS