Tres bandas de música e un total de 9 concertos conforman a segunda edición de “O Son do Tea”, unha iniciativa do Concello de Ponteareas para a posta en valor das bandas de música locais.
Explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, que a primeira edición foi «un éxito rotundo que non deixou máis alternativa que a de seguir apostando por esta proposta». “O ano pasado veciñas e veciños, emigrantes retornados e visitantes fixéronnos chegar as súas felicitacións por este ciclo de concertos que lle traia á memoria recordos de infancia e que lles permitiron desfrutar da música cada fin de semana e iso é un indicador que nos satisface e que temos claro que debemos volver ofrecer”.
Así, ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, a Banda de Música Unión de Guláns, a Banda de Música de Xinzo e a Banda de Música Reveriano Soutullo, ofrecerán pasarrúas e concertos os sábados e domingos arredor do mediodía baixo a sombra nos xardíns da Xiralda.
Abre o ciclo de concertos de “O Son do Tea” a Banda de Música Reveriano Soutullo este sábado día 5 de xullo, cun pasarrúas dende a Praza Maior ás 12:00 horas que os levará ata os Xardíns da Xiralda onde ofrecerán un concerto ás 12:30 horas.
A alcaldesa, Nava Castro, únese ás felicitacións e salienta que esta proposta tamén contribúe a «dinamizar a oferta cultural e promover o encontro arredor da música creando un ambiente agradable que convida a visitar Ponteareas, a percorrer as súa rúas e facer as compras».