domingo, junio 15, 2025
InicioNewsComarcasDe Roberto Vilar a Juan Magán, así celebra Mos o día grande...

De Roberto Vilar a Juan Magán, así celebra Mos o día grande da Festa da Rosa

O Concello de Mos viviu este venres 13 de xuño unha das xornadas máis emotivas e significativas da súa historia coa celebración do día grande da Festa da Rosa 2025, «unha edición que destacou pola súa alta participación, o seu simbolismo e a capacidade de proxectar a identidade do municipio máis alá das súas fronteiras», segundo explican desde a administración local.

Festa da Rosa 2025: ramos e empanadas de millo

O acto institucional, celebrado no Pazo de Mos, estivo presidido pola alcaldesa, Nidia Arévalo, quen subliñou no seu discurso que “a Rosa recende alí onde vai, amosa toda a súa fermosura e é o noso símbolo. Está no noso escudo, na nosa bandeira e nos nosos corazóns”. Arévalo expresou o seu orgullo pola evolución da festa, «que cada ano medra en programación e relevancia, unindo as parroquias de Mos arredor dun símbolo común. Na parte institucional tamén interviñeron Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e María José Rodríguez, conselleira de Medio Rural».

A xornada comezou coa recepción popular de ramos de rosas e empanadas de millo para os tradicionais concursos, seguida da actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e da misa solemne na Igrexa de Santa Eulalia, que deu paso á tradicional ofrenda floral aos Marqueses de Mos.

Un dos momentos máis destacados foi o pregón a cargo do aclamado presentador Roberto Vilar, quen agradeceu o convite e lembrou entre risas e emoción. A alcaldesa agradeceulle tamén a Vilar por “abrirnos as portas do seu programa, o máis visto da TVG”.

No marco do acto institucional tivo lugar o recoñecemento ás persoas e entidades nomeadas como Valedores e Valedoras da Rosa 2025, distinción que honra a quen leva o nome de Mos máis alá das súas fronteiras. Neste ano foron distinguidos:

  • Asociación de Galegos Residentes de Mos en Bos Aires, por manter vivo o espírito do “Somos Mos” desde a Arxentina.
  • Daniel Sánchez Arévalo, director que levará ás Rondallas de Mos ás pantallas de cine.
  •  Javier Guillén, por situar o Castro de Herville entre os grandes referentes do ciclismo nacional.
  • Ana Pastor, “mentora e apoio constante”, segundo a rexedora.
  • Manuel Carlos Mouriño, por sentar as bases da Afouteza mosense no ámbito deportivo.
  • Román Rodríguez, por traballar pola excelencia da mocidade galega.

Valedora da Rosiña

Ademais, entregouse por primeira vez a insignia da Valedora da Rosiña a Martina Sande, moza deportista mosense que, malia a súa curta idade, xa é campioa a nivel nacional. “Es unha inspiración para min”, expresou a alcaldesa.

Outro dos momentos máis esperados da xornada foi a entrega de premios aos mellores ramos e empanadas. No tocante aos ramos, os gañadores de cada parroquia foron: Ángeles Rodríguez, de Cela; Purificación Lago, de Dornelas; Manuel Figueroa, de Tameiga; Isabel Lago, de Torroso; Abel Alonso, de Pereiras; Marivi Ben, de Sanguiñeda; Sita Barciela, de Guizán; Natalia Sanjurjo, de Mos; Carlota Míguez, de Petelos; e Antonia Toucedo, de Petelos.

Foi o ramo de Sita Barciela, de Guizán, o que se proclamou vencedor entre todas as rosas presentadas. Recolleu o premio no seu lugar Maricarmen Mirou. A parroquia de Louredo, que presentou 46 ramos, levou o recoñecemento especial á parroquia máis participativa.

Anxo Gutiérrez

No concurso de empanadas de millo, o premio de mellor presentación foi para Alberto Santos; a máis grande foi a da Panadería San Miguel As Vides, e Constantino González fixo a empanada valorada co mellor sabor.

Outro dos momentos máis emotivos foi a actuación da cantante Andrea Pousa, que interpretou o Himno de Mos, poñendo en pé a todos os presentes.

Empanada de millo de Mos e viño rosado galego

A mañá rematou coa exaltación da empanada de millo, elaborada pola Asociación de Mulleres Rurais de Mos, e do viño rosado galego, novo emblema das festas a partir desta edición.

Durante o acto, Nidia Arévalo quixo agradecer a presenza das autoridades galegas, do tecido social e empresarial do concello, así como dos 25 membros da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires que cruzaron o Atlántico para estar presentes nesta celebración. Tamén tivo palabras de recoñecemento para as veciñas de Ponteareas, que decoraron durante a noite a entrada do Pazo cunha fermosa alfombra floral do Corpus Christi.

Concerto de Juan Magán en Mos

A xornada conclúe esta noite cun concerto gratuito de Juan Magán que encherá de música a noite mosense antes de ir ao multitudinario festival O Son do Camiño. Será no Pazo de Mos a partir das 22:00horas.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a Festa da Rosa continúa durante todo o mes cun completo programa de actividades culturais, sociais, deportivas e musicais. Dende o Concello de Mos anímase á cidadanía e aos visitantes «a seguir gozando dunha celebración que, nas palabras da alcaldesa, nos sitúa no mapa e enche de orgullo a toda a veciñanza”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS