O vindeiro sábado 24 de maio Salvaterra de Miño celebra os máis de mil anos de historia da vila cun Mercado Milenario onde case unha vintena de postos ambientados na época medieval participarán na celebración. O mercado ubicado no recinto amurallado de Salvaterra poderá visitarse dende as 10:00 horas e ata as 15:00 horas.
Os postos formados por artesáns, comercios e asociacións contarán con produtos de madeira, xoguetes, bisutería, segunda man, libros, comida, bebida e outras actividades para nenos e nenas.
Durante todo a mañá, Salvaterra Milenaria contará tamén con diferentes actividades para
os máis pequenos e para toda a familia. Pola mañá de 10:00 a 12:00 horas haberá xogos populares e tradicionais como zoca, os zancos, o burro, as pontes, a chave de ferrolterra ou a chave ourensá.
Xa ás 12:00 horas, terá lugar un espectáculo de danza a cargo de Raquel Ferradás con posterior obradoiro familiar de danza para nenos e adultos na Casa do Conde. As prazas para o obradoiro son limitadas e é preciso apuntarse no correo comunicacion@concellodesalvaterra.org indicando os nomes, idades e número de teléfono.
As actividades continúan ás 12:30h cun gran xogo de desfrute en familia no que se darán a coñecer e descubrir curiosidades e misterios sobre a vila a través de probas que permiten aos xogadores indagar libremente polo recinto da muralla mentres superan diferentes retos.
