O municipio luso de Valença do Miño vén de estrear un parque temático situado no emblemático centro histórico, dentro das murallas da Fortaleza. O novo lugar de recreo para os máis pequenos, denominado «Fortaleza dos Pequeninos» está ambientado na cidade de Valença e a súa historia.
As instalacións contan cun castelo de tres torres, equipado con rede de escalada, tobogáns, ponte, barra de bombeiros e muro de escalada. Ademais, o espazo ofrece outras diversións como un columpio dobre de troncos, a «cadeira do rei», un resorte de troncos, un monóculo e o tradicional xogo da xoaniña. Do mesmo xeito, todo o espazo está protexida por un valado de madeira que recorda ás murallas históricas, completada por un pórtico de entrada e casetas de vixianza que reforzan o ambiente lúdico e tematizado.
A finalidade do goberno local é «unir á rapazada co patrimonio histórico de Valença a través do xogo e a diversión«. Así, os elementos do parque foron pensados para evocar a historia, a memoria e o significado da Fortaleza.
Para José Manuel Carpinteira, presidente da Câmara Municipal de Valença «este espazo marca un regreso especial, pois a Fortaleza volve a ter un parque infantil tras 50 anos», aseguraba.
O proxecto, que representou un investimento de 70 mil euros para a Câmara Municipal de Valença, foi desenvolvido no ámbito do programa ‘Bairros Digitais – Valença História e Tradição Comercial’, financiado polo Plano de Recuperação e Resiliência (PRR).